Hosting por Logo dinahosting
4 Outubro, 2019

Normas uso rocódromo tempada 2019/2020

 

Información e Normas de uso do rocódromo do Pavillón dos Remedios polos/as socios/as do Club Alpino Ourensán

REQUISITOS

1. Para a utilización desta instalación requírese estar en posesión da licencia federativa de montañismo en vigor e ser socio do Club Alpino Ourensán. Todos/as os/as usuarios/as, deberán levar ao rocódromo a tarxeta federativa e documento nacional de identidade que deberán amosar no caso de que lles sexa requirido.

2. Para facer uso das instalacións do rocódromo as persoas usuarias cubrirán o Formulario de inscrición correspondente dispoñible na web do Club www.clubalpinoourensan.es

3. Ter cumpridos os 18 anos de idade. Os menores de 18 anos poderán facer uso do rocódromo sempre acompañados dun adulto responsable, que ao igual que o menor deberá ser socio do Club e estar federado.

4. Todo o material que se empregue achegado polo usuario deberá cumprir as normativas de seguridade e homologación. Serán de uso obrigatorio: roupa e calzado deportivos, corda de escalada, arnés de escalada, mosquetóns, aparello de freo e cintas para seguros, pes de gato e casco. Pode empregarse magnesio.

5. O horario de apertura poderá ser suspendido ou modificado no suposto de que exista algunha actividade na pista central que así o aconselle tales como competicións ou outros eventos deportivos.

6. En todo caso, sobre o uso particular das instalacións do rocódromo por parte dos/as socios/as, terá sempre preferencia a realización dos cursos de formación en escalada que se impartan dende o propio CAM e que necesariamente impliquen dispoñer das vías de escalada dispoñibles.

NORMAS DE USO

1. A persoa deportista que faga uso destas instalacións deberá coidar o bo uso das mesmas, mantelas limpas e respectar aos demais usuarios/as.

2. En todo momento, deberán observarse as normas, elementos e técnicas de seguridade. En ningún caso está permitido escalar vías sen corda nin asegurador.

3. Non poderá haber máis dunha cordada na mesma vía, nin poderán establecerse cruces de cordas de seguridade de diferentes parellas. Os descolgues ou reunións non poderán ser empregados por máis dunha cordada de forma simultánea.

4. O puntos de reunión e descolgue están destinados a evitar as consecuencias dunha caída accidental e non para deter caídas ou voos voluntarios. É obrigatorio o emprego de todos os puntos de seguridade sen evitar ningún deles.

5. Non está permitido mover as presas do seu emprazamento.

6. As persoas usuarias deberán comunicar inmediatamente ao club calquera deterioro, defecto do rocódromo ou rotura de presa para seu estudo e reparación en caso necesario.

7. No se poderán introducir materiais que podan deteriorar ou impidan o uso das vías de escalada.

8. Está prohibido fumar, comer e introducir recipientes de cristal, así como bebidas alcólicas.

9. Non se poderán introducir animais nas instalacións.

10. O Club Alpino Ourensán non se fai responsable das consecuencias derivadas dunha incorrecta utilización do rocódromo.

11. Toda persona usuaria da instalación será escaladora con formación e experiencia suficiente e coñecedora dos riscos inherentes á práctica do deporte da escalada.

12. Estas Normas de Uso serán de obrigado cumprimento para as persoas que escalen dentro do horario do CAM. O seu incumprimento poderá ser sancionado segundo estableza a Xunta Directiva do Club.

A Xunta Directiva do Club Alpino Ourensán

Ourense, 1 de outubro de 2019

PECHAR

Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a web e a seguridade, pero non analizamos os hábitos de navegación navegación nin intentamos identificarte. Podes obter mais información nesta ligazón