Hosting por Logo dinahosting
10 Xullo, 2007

VII Concurso de fotografía Club Alpino Ourensán

VII CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

CLUB ALPINO OURENSÁN


BASES

1. Concursantes e obras. Poderán participar tódolos socios do club que o desexen, excepto o gañador da edición anterior e os membros do xurado. Os autores poderán presentar un máximo de tres fotografías, en cor ou en branco e negro, non premiadas en calquera outro concurso. Só se admitirá un autor/a por obra.

2. Temática. Fotografías que estean relacionadas coas actividades levadas a cabo polos socios do club en tódalas súas modalidades: imaxes de alpinismo, escalada, esquí, espeleoloxía, descenso de canóns, paisaxes, flora, fauna, as súas xentes…

3. Tamaño e presentación. O formato fotográfico é libre, cun tamaño de papel mínimo de 20×30 cm.e máximo de 30×45 cm. As fotografías non deberán ir montadas nin reforzadas sobre cartolina, nin con passepartout. Farase constar no dorso de cada fotografía só o título da obra. Por cada fotografía e nun sobre pechado, indicando “VII Concurso de fotografía Club Alpino Ourensán” e o “título da obra”, deberá ir unha tarxeta co nome e apelidos do autor/a, teléfono, correo electrónico, título da obra e un breve texto explicativo, indicando como mínimo o lugar da fotografía e o equipo fotográfico empregado.

4. Presentación e envío. As obras entregaranse na sede do Club debidamente protexidas. O prazo límite de admisión de obras será o 27 de xullo de 2007, non admitíndose ningunha obra que chegue con posterioridade a este prazo. No sobre indicarase “VII Concurso de fotografía Club Alpino Ourensán”.

5. Premios. Cada autor só poderá acadar un premio. O importe do premio farase con cheques regalos que poderán ser trocados nos establecementos patrocinadores do concurso. Dotación dos premios:

· 1º Premio: 250 euros

. 2º Premio: 150 euros

· 3º Premio: 100 euros

· Premio especial do Club: 150 euros (Elixida en reunión pola xunta directiva como foto representativa do club)

6. Xurado e resolución. O xurado, estará formado por ao menos un profesional da fotografía, polo gañador do concurso anterior e por un socio do club elixido pola xunta directiva. O resultado comunicaráselles aos gañadores por teléfono ou correo electrónico e farase público a partires do 1 de outubro.

As decisións do xurado serán inapelables.

7. Difusión, exposición e entrega de premios. O club Alpino Ourensán, conxuntamente co Outono Fotográfico, realizará unha exposición coas obras seleccionadas, do 1 ao 15 de novembro de 2007. A entrega de premios efectuarase na cena anual do club da que se dará cumprida información. As obras seleccionadas poderán saír editadas en publicacións posteriores, coa intención de difundir o concurso, sen ánimo de lucro. Nas obras expostas e/ou publicadas indicarase o autor/a.

8. Disposición das obras. As obras premiadas quedarán en propiedade do Club Alpino Ourensán, que poderá copialas ou utilizalas sen limitación de medios, tempo ou lugar, para promoción e divulgación, con indicación do nome do seu autor/a. As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores no Club, a partires do 3 de decembro de 2007. Se as obras non son reclamadas antes do 4 de febreiro de 2008 enténdese que o autor renuncia a elas.

9. Observacións. Os participantes responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación por dereitos de imaxe. A organización poñerá o máximo coidado na conservación das obras, pero non se responsabilizará das posibles perdas, subtraccións ou deterioro. A organización queda facultada para resolver calquera continxencia non prevista nestas Bases. A concorrencia a este concurso implica a aceptación das presentes Bases

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Acepto a política de protección de datos personais

PECHAR

Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a web e a seguridade, pero non analizamos os hábitos de navegación navegación nin intentamos identificarte. Podes obter mais información nesta ligazón